Recursos Historia e Xeografía de Galicia

 
 
 
  • Sobre

    Páxina de recursos de Historia e Xeografía de Galicia 2 Bacharelato
 
A emigración galega en Arxentina, 1931 novembro 5th, 2006

Mostra a agricultura, a gandeiría e a feira de Ponteareas, a romería da Ascensión e a inauguración do local sindical. Película feita para a   ” target=”_blank”>todos » Sociedad Progresista Hijos de Fornelos y Anexos (Bos Aires) cando a República acababa de chegar, pretende amosar en América as paisaxes e formas de vida galegas. Tenta tamén probar que os aforros enviados pola emigración financiaban infraestrucutras educativas e sociais. Estreouse no Sindicato Agrícola y Ganadero El Progreso, Fornelos da Riveira (Ponteareas, Pontevedra) o 14-6-1931. Restauración: Arquivo da Emigración Galega (Consello da Cultura Galega) e CGAI (1999).

video google
Do arquivo  da emigración do Consello da Cultura Galega

A peste Negra febreiro 26th, 2005

O século XIV estivo marcado polas malas colleitas e os andazos da peste


Nalgunhas zonas de Europa
a peste bubónica de 1348 provocou
a morte dun tercio da poboación
A Peste Negra de 1348 dezmou a poboación europea. A crise chega a Europa occidental a través das naves xenovesas que comerciaban con Oriente . A Peste chega á Galicia a fins do verán de 1348, aínda que os seus efectos foron no territorio galego moito menores que nas rexións mediterráneas. As consecuencias da peste aparecen na documentación de vilas como Baiona, Tui e Ourense. Así 1349 uns foreiros de Baiona, dependentes do mosteiro de Oiasolicitan que se lles rebaixe a renda que deben pagar ante os estragos causados pola peste. Nos anos posteriores son frecuentes as mencións as casas arruinadas e aos campos abandonadosA crise demográfica no mundo rural provocou tamén que mudaran as condicións dos foros, ben fixando unha cota fixa a porción da renda debida, ou prolongando a duración dos foros para atraer traballadores rurais. Mais non sempre melloraron as condicións dos foros, noutros casos, a nobreza para non ver reducidas as súas rendas fixo máis duras as condicións: rendas proporcionais en especie e redución das voces dos foros. Polo tanto, consecuencia da crise o sistema foral flexibilizouse con respecto á etapa expansiva do século XIII.
A crise demográfica afectou a todas as actividades económicas. No mundo rural, iniciouse un maior coidado dos árbores frutais e medrou a superficie dedicada ao viñedo. Algunhas comarcas de Galicia tenden a especializarse no cultivo do viñedo que fomentaron os mosteiros e as igrexas. A comarca do Ribeiro é un claro exemplo de especialización vitícola, tendo nas vilas de Ribadavia e Ourense os seus centros de comercialización. Os excedentes de viño eran enviados a Santiago ou a Pontevedra para exportar fóra de Galicia. O incremento da exportación de viño ten que ver tamén ca Peste Negra, pois as rexións produtoras francesas de Gascuña e do Poitou que ficaron ermas despois da peste, o que obrigou a procurar viño noutras rexións como Galicia. Algo semellante o que pasará no século XIX coa peste da filoxera. Por outra parte, a apertura da ruta marítima entre o Mediterráneo e o Mar do Norte a través do estreito de Xibraltar favoreceu o desenvolvemento dos portos cantábricos e galegos, entres eles os de Viveiro, A Coruña, Betanzos, Pontevedra e Baiona. Nas vilas costeiras galegas instaláronse colonias de mercaderes que atendían á exportación de peixe (pescada, sardiñas, congro), gando, e sobre todo viño do Ribeiro. Tamén estes comerciantes importaban tecidos, coiros e produtos alimenticios elaborados como arenques salgados. O auxe das vilas costeiras fai que estas acrecente a súa faciana urbana, tamén no aspecto político, onde os homes boos que integran os concellos crean un tipo de goberno que nalgúns trazos asemellase ao patriciado urbano de estilo mediterráneo. A chegada a estas vilas e outras do interior, das ordenes mendicantes acentúa os perfiles urbanos das vilas galegas. Nesta época franciscanos e dominicos instálanse nas principais vilas galegas, Santiago, Ribadavia, Pontevedra, Ourense, Tui, A Coruña, Betanzos, Viviero, Ribadeo. A súa presenza nestas vilas testemuña o crecemento nestes núcleos dun novo tipo de sociedade vinculado ao intercambio comercial.A situación estratéxica de Galicia na ruta entre os dous máis importantes focos económicos da Europa baixomedieval –Flandes e Italia- permitiu o desenvolvemento desta estrutura comercial. Os portos galegos comerciaron cara o norte europeo cos portos franceses das rexións da Gascuña e Bretaña e cos máis afastados de Flandes e os portos hanseáticos e cara o sur, cos portos mediterráneos de Aragón e da península italiana. Este esplendor comercial favoreceu a aparición dunha caste de comerciantes como a familia Cru na vila de Pontevedra que foron quen de establecer relacións comerciais continuadas no tempo tanto co mediterráneo como cos portos gascóns e bretóns, pero a pulo comercial das vilas costeiras non foi o suficientemente forte para establecer institucións propias como os Consulados do Mar, ao estilo das cidades mediterráneas como Valencia ou Barcelona. Desafortunadamente esta situación das vilas galegas no comercio internacional foise esvaecendo no inicio da época moderna, cando a partir do século XVI o centro de gravidade da política peninsular desprazase cara o Atlántico andaluz, como consecuencia do descubrimento de América.
O pórtico da Gloria febreiro 15th, 2005
A xenealidade do mestre Mateo

As tres arcadas que compoñen o Pórtico da Gloria representan un programa iconográfico unitario. O tema é Cristo como redentor do xénero humano. A arcada esquerda representa, a situación do pobo escollido antes da redención. Na central está a figura de Cristo como redentor deste pobo, e á dereita, o estado daqueles que non queren ser salvados, e tamén a posibilidade da salvación por medio do purgatorio.
Este programa iconográfico afastase da visión da apocalipse máis medieval para presentarnos unha idea de Deus máis próxima ao xénero humano. Así Cristo aparece mostrándonos as súas chagas, mostra do sufrimento físico. Os anciáns parolan amigablemente entre eles e os anxos amosan os instrumentos da paixón de Cristo. Esta foi a maneira do mestre Mateo de ensinar unha visión de Deus-home no lugar do habitual Deus-xusticeiro. Todas as figuras aparecen tratadas cunha perfección técnica moi superior á da época inmediatamente anterior, isto pódese observar tanto o no volume dos corpos como no tratamento dos panos e moitos outros elementos que amosan un realismo excepcional. Estes trazos fan de Mateo un artista excepcional para a súa época, nunha época na que os artistas ficaban no anonimato, o recoñecemento social do mestre fala do carácter excepcional da súa obra.
Planta da Catedral de Santiago febreiro 9th, 2005


O esplendor do románico

No ano 1078, Bernardo o vello, cualificado na súa época coma mestre admirable, concebiu un proxecto ambicioso que se respetou pese a longa duración da construción. A medida que o edificio se ía construíndo, demolíase a parte vella seguindo a costume medieval. A planta responde á tipoloxía das chamadas “igrexas de peregrinación”. Do mesmo século son as catedrais de Notre Dame de Puy ou Notre Dame de Chartres e as tres teñen unha planta semellante que privilexia a funcionalidade para dar acceso a grande número de peregrinos. A de Santiago dispón de cinco capelas radiais que se abren sobre o deambulatorio. Para facilitar a circulación interior deseñáronse as naves laterais en cada brazo do transepto con capelas orientadas cara o Este, asegurándose deste xeito unha ampla superficie en planta. A catedral posúe tres grandes portadas, cada unha delas con tres portas, nos extremos do transepto e do brazo principal. A portada do brazo Norte, recibiu o nome de Porta de Franza, mentres a do Sur denominouse Porta de Platerias, na portada central, no Oeste da catedral o mestre Mateo debuxaría o magnífico Pórtico da Gloria.
A Catedral de Santiago de Compostela febreiro 8th, 2005
A construción da catedral de Santiago

Produto do auxe cultural de Santiago de Compostela do século XI ao XIII, foi a difusión do románico en Galicia, pero tamén o esplendor da cantigas, que situaron a lingua galega no cumio da literatura medieval. O románico expresase en Galicia non so na Catedral compostelá senón tamén na construción dos mosteiros cistercienses, merecedores dun estilo propio, e sobre todo nas numerosas igrexas rurais, moitas delas á beira do camiño, e outras diseminadas por toda a xeografía galega. Sen dúbida a expansión do románico testemuña ben as claras a hexemonía social e cultural da igrexa na Galicia medieval. En Galicia hai cinco catedrais de estilo románico, a de Compostela sinalou a senda do estilo das outras catedrais galegas, e tamén dalgunhas manifestacións do románico rural.

Catedral de Santiago, 1075-1211.

A catedral de Santiago iniciouse no ano 1075 baixo o mandato do arcebispo Diego Páez, segundo consta nun dos capiteis da capela central do deambulatorio. A catedral é un magnifico exemplo de igrexa de peregrinación á moda francesa, fíxose para cubrir as necesidades da grande cantidade de peregrinos que visitaban Compostelá e que a vella capela construída na época de Afonso II non podía albergar. Os dous primeiros mestres que traballaron na compostelá, Bernardo e Estevo era de procedencia francesa. Izouse sobre a basílica anterior, pero dadas as súas magnificas dimensións acabou ocupando terreos e edificacións pertencentes a comunidades monásticas como as de Antealtares. O tempo que vai dende o inicio da súa construción ata a súa consagración no 1211 sinala a época de apoxeo da Era compostelá. A construción da catedral impulsado polo bispo Xelmirez remata no 1128, ano no que a Catedral xa estaba practicamente rematada e xa podía observarse o Pórtico de Praterias. Pero o broche de ouro da catedral o Pórtico da Gloria, do mestre Mateo será construído máis tarde entre o 1168 e o 1688. Malia ser construída en diferentes fases, o edificio presenta unha grande unidade estilística que amosa que os distintos mestres que se sucederon na dirección do obra tiñan plenamente asumidos os trazos das igrexas de peregrinación de influencia francesa. O resultado é un edificio harmónico no que destaca a grande claridade que lle proporcionan as fiestras que percorren cada tramo das naves. As outras catedrais foron construídas durante o século XII e principios do XIII. En Lugo iniciouse a catedral no ano 1129, logo foron iniciadas as de Tui e Ourense e foi a de Mondoñedo a que máis tardiamente comezou a súa construción no ano 1218. O valor destas catedrais non se reduce á súa dimensión arquitectónica senón que brilla especialmente nas escultura, que atopa no Pórtico da Gloria do mestre Mateo na catedral de Santiago o seu maior esplendor. As catedrais románicas expresan un enorme esforzo económico das máis importantes cidades galegas da Idade Media pero tamén a fortaleza política dos bispos exercían o seu señorio nestas sés episcopais.

A creación do reino de Portugal xaneiro 30th, 2005
A formación do reino de Portugal


Ponte de Lima, norte de Portugal

Portugal ten a súa orixe no condado de Portucale existente dende o século X e gobernado a finais do século XI por un parente do rei de Castela e León. Un fillo do conde Enrique, Afonso Enríquez , proclámase primeiro rei de Portugal no ano 1128, despois da batalla de San Mamede (Guimaraes), usurpándolle os dereitos á súa nai Dona Tereixa. Dende a historiografía galega da época romántica, a creación do reino de Portugal foi interpretada como unha secesión ou revolta da Galicia bracarense contra da lucense, ou contra a política anexionista do arcebispo Xelmirez. Máis como sinala o historiador portugués, J. Mattoso, o episodio de Guimaraes non foi unha reacción anti-galega, porque antes e despois do 1128 existiu unha forte conexión entre a nobreza galega e a portuguesa. De feito no bloque da nobreza que apoiou a Afonso Enríquez había un importante núcleo nobiliar galego, da parentela dos Traba, que quizais perseguiu en Portugal a independencia con respecto ao reino de Castela que non conseguira en Galicia. Daquela polo tanto, os galegos non eran estranxeiros en Portugal pois a súa corte estaba chea de nobres galegos. A creación do reino de Portugal foi ben acollida polo rei de Castela e León, Afonso VII, o emperador en 1142. A fins do século XII o reino de Portugal foi recoñecido polo Papa, que lle deu a sé episcopal de Braga a independencia necesaria para organizar as dioceses portuguesas. A creación do reino portugués semella ser causas dun conxunto complexo de factores algún dos cales teñen a súa orixe nas diferencias entre o convento lucense e bracarense da época romana. Por outra parte, pon de manifesto a incapacidade da nobreza galega para crear unha dinastía propia, dada a súa tendencia ás liortas internas. Este reino formado na parte meridional de Galicia, vai a interpretar a extensión territorial cara o sur e cara o atlántico que Galicia non foi quen de liderar, a Galicia bracarense converteuse en Portugal. Mentres a Galicia lucense ficará recollida en si mesma, inserida excentricamente na monarquía castelá e vinculada a Europa a través do camiño de Santiago , aínda que así e todo foi capaz de recrear os trazos característicos da súa propiedade identidade como nación cultural ao longo da historia.
Mosteiro de Sobrado dos Monxes xaneiro 29th, 2005


Claustro do Sobrado dos Monxes

Os mosteiros cistercienses

Mosteiro de Sobrado dos Monxes, este mosteiro aglutinou a maior parte do patrimonio dos Condes de Presares

A orixe dos mosteiros cistercienses xaneiro 29th, 2005
A monarquía castelá-leonesa apoiou a colonización dos monxes do cister
O contrapunto da decadencia da nobreza laica, do que a puxanza da casa dos Traba sería a excepción, é a firmeza da puxanza da nobreza eclesiástica. Mandan máis os bispos e abades que os condes. Os bispos das cinco sés episcopais, sobre todo o de Compostela, teñen un enorme patrimonio territorial e xurisdicional, e os abades dos mosteiros, Sobrado dos Monxes, Celanova, Oseira, San Martiño, Oia, Samos, tiñan enormes patrimonios procedentes das doazóns da nobreza, de adquisicións e de concesións de El-Rei. Os máis importantes mosteiros foron os seguidores da regra do Císter, os cistercienses, que substituíron aos frades cluniacienses. A colonización monástica cisterciense provocou a bietización definitiva do monaquismo galego, que adopta a Regula Benedicti, que substituíu as normas de San Frustuoso e a non menos importante organización de boa parte do territorio galegos por estes monxes labradores. A organización cisterciense da vida monacal defendía a autonomía completa dos mosteiros, tanto no eido económico como no político, e por unha xerarquización dos centros monacais. A reforma cisterciense afectou aos centros bieitos xa existentes e supuxo tamén a creación de novos mosteiros, ubicados as máis das veces en terreos incultos. Dende 1142 ata 1225 fundáronse ou reformáronse catorce mosteiros: Oseira, Sobrado, Melón, Meira, Montederramo, Armenteira, Oia, Acibeiro, Xunqueira de Espadañedo, Monfero, San Clodio, Franqueira, Carracedo e Penamaior. Esta floración cisterciense foi apoiada polos monarcas castelás, así tanto Afonso VII, como Fernando II e Afonso IX concederon grandes privilexios territoriais (coutos) co encargo de transformar e organizar a produción agraria e controlar tamén politicamente o territorio. Os monarcas, comezando polo galego, Afonso Raimundez, Afonso VII non se fiaban dunha parte da nobreza galega e tampouco da nobreza episcopal. Elixiron que Galicia, territorio de retagarda agora confinado no sur pola creación do reino portugués sería gobernado polos monxes do Cister.
Inicialmente os mosteiros cistercienses explotábanse de xeito directo tanto nas propiedades que estaban nos coutos máis próximos ao mosteiro como nas propiedades máis afastadas. Os mosteiros do Cister conformaban unha rede de granxas traballadas polos “conversos”(laicos retirados aos mosteiros), frades labradores e campesiños xornaleiros. As granxas estaban dirixidas por un magister grangiae, baixo a supervisión dun celeiro, e semellaban verdadeiras sucursais do mosteiro. Estas granxas estaban situadas en zonas estratéxicas, xeralmente en comarcas de produción vitícola, co tempo abandonouse o sistema de explotación directa e pasaron a ser prioratos dependentes dos mosteiros. A partir do século XIII coa difusión do réxime foral, os mosteiros e os seus prioratos convertéronse en centros de recadación de renda e de control político e ideolóxico de foreiros e vasalos.
A orixe da parroquia xaneiro 22nd, 2005
As solidaridades comunais nas aldeas

Fraga do Eume

Na Idade Media, a maioría da poboación galega eran foreiros, os mais dos mosteiros. Estes campesiños, a pesares da súa condicións de foreiros e vasalos, foron que de adquirir ámbitos de autonomía, grazas as solidariedades comunitarias establecidas nas aldeas e parroquias. As antigas villae convértense en aldeas, espazo no que se configura o vivir cotián dos campesiños e se establecían as alianzas veciñais para a organización de cultivos e o apreveitamento do monte e bens comunais. A parroquia, ámbito administrativo de carácter eclesiástico, era un grao maior de organización, que regulou a organización das pequenas comunidades rurais, sobre todo naquela zonas de Galicia nas que o hábitat era máis disperso. A documentación da diocese de Santiago amosa que no século XIII, a parroquia era o marco de referencia espacial básico para identificar persoas e posesións.

A orixe do foro xaneiro 22nd, 2005

O foro xurdiu a fins do século XII

Unha vez desaparecida a servidume, que tiveran aínda tanta importancia na época altomedieval, xa que a explotación directa de coutos e granxas de señores e mosteiros tende a desaparecer, aínda seguirán en vigor algúns tributos feudais como a fecendeira, que consistía na prestación de días de traballo en granxas e casais dos señores das terra, ou o xantar, que obrigaba aos vasalos a dar pousada na súa casa aos señores ou os seus cabaleiros e administradores. Estes usos tenderon a desaparecer na Idade Medía grazas a difusión doutras formas de dependencia entre señores e campesiños, sobre todo o foros, e pola mesma resistencia dos campesiños a cumpriren estas prestacións de traballo. Algúns uso feudais como a loitosa, tributo pagado normalmente coa mellor alaxa de catro pés que houbese cando morría o cabo de caso, que continuou usándose ata os séculos XVII e XVIII. De feito moitos campesiños endebédanse ca morte dos petrucios da casa, que as veces implicaba á perda de parte das terras da familia campesiña ou a constitución de novas rendas. A morte, deste xeito, regulaba indirectamente as prácticas sucesorias ao propiciar a reversión das facendas aos seus propietarios “eminentes”, normalmente eclesiásticos e obrigaba modificar novas condicións aos traballadores da terra. I. As súas principais características eran que en primeiro lugar implicaba unha longa duración, as veces era perpetuo, estipulaba o pago dunha renda, fixa ou proporcional, pero case sempre en especie e implicaba a cotío unha serie de servizos de carácter vasalático. O estudo da documentación dos mosteiros, amosa que a meirande parte dos contratos agrarios estipulados na Idade Media seguiron a fórmula foral. O foro, polo tanto, constitúe un contrato agrario que supón unha certa estabilidade dos patrimonios señoriais, unha relativa independencia e fortaleza do campesiñado, e un medio para manter a dependencia señorial dos campesiños diante dos señores. As condicións dos deste tipo de contrato se foron modificando co tempo, e os foros medievais son ben distintos dos foros da Época Moderna. Na Idade Media, a concesión dos foros, xeralmente a matrimonios con expresión do nome do home e da muller, levaba aparellada a obriga de seren vasalos. Na documentación medieval, os foreiros, eran denominados frecuentemente como “vasalos obedientes e mandados” . Por tanto ser foreiro, na Idade Media era ben semellante a condición que tiñan os habitantes dos antigos coutos señoriais, pero no marco dunha explotación indirecta. O foro medieval contiña no mesmo contrato dereitos reais sobre a terra e persoais dos señores sobre os foreiros, esta situación perdurou ata o século XVII, época na que se produce unha masiva “territorialización” do mesmo, ao ir perdendo os trazos medievais