A grande Guerra Irmandiña
A Grande Guerra Irmandiña tivo lugar nos anos 1467-1469. Os preparativos para a formación dunha Irmandade Xeral comezaron anos antes por parte de Alonso de Lanzós e co apoio de varios concellos (A Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo) que actuaron de motores iniciais do movemento. Neste caso, a revolta irmandiña foi unha auténtica guerra civil pola participación social que chegou a provocar. Anos de malas colleitas e pestes provocaron a revolta popular. Segundo os testemuños do preito Tavera-Fonseca, os irmandiños serían arredor de 80.000. Na organización e desenvolvemento da guerra irmandiña participaron varios grupos sociais: campesiños, xentes das cidades, baixa nobreza e fidalguía e algúns membros do clero, como cóengos composteláns que apoiaron economicamente o movemento irmandiño. Os xefes do movemento pertencían á baixa nobreza. Pedro de Osorio, actuou no centro de Galicia, sobre todo na zona de Compostela, Alonso Lanzós, dirixiu a revolta na zona norte de Galicia e Diego de Lemos, dirixiu as accións irmandiñas no sur de Lugo e norte de Ourense. O auxe do movemento irmandiño foi posible pola existencia do que o mellor estudoso do período Carlos Barros chama mentalidade xusticeira e antiseñorial da sociedade galega baixomedieval, que rexeitaba as inxustizas cometidas polos señores, considerados popularmente como un “malfeitores”. Os inimigos dos irmandiños foron fundamentalmente nobres laicos, donos de castelos e fortalezas, encomendeiros das principais igrexas e mosteiros. Os irmandiños destruíron arredor de 130 castelos e fortalezas nos dous anos de guerra irmandiña. As liñaxes dos Lemos, Andrade e Moscoso foron o branco preferido dos irmandiños. Os irmandiños, polo contrario, non atacaron aos eclesiásticos. Nun primeiro momento parte da nobreza obxecto da ira irmandiña fuxiu cara Portugal ou Castela. En 1469, Pedro Madruga inicia dende Portugal o contraataque feudal, contando ce Pedro Madruga empregaron modernos arcabuces, venceron aos irmandiños, prenderon e mataron aos seus líderes. A vitoria das tropas de Pedro Madruga produciuse por contar co apoio dos monarcas de Castela e Portugal e polas divisións das forzas irmandiñas. Mais cedo a nobreza vitoriosa viuse envolta de novo en liortas dinásticas que prepararon o seu definitivo desarraigo do territorio galego.
Bibliografía:
Villares, R. Historia de Galicia, Ed.Galaxia,Vigo 2004
|
|
A Irmandade Fusquenlla formouse no ano 1431 nas terras do señor de Andrade, pola extrema dureza coa que Nuño Freire de Andrade, o Mao, trataba aos seus vasalos. A revolta iniciouse nas comarcas de Pontedeume e Betanzos e chegou a espallarse polos bispados de Lugo e Mondoñedo e a destruír algunha fortaleza nobiliar, como o castelo dos Andrade na vila de Betanzos. As disensións internas fixeron que a revolta fracasase ante as tropas dos Andrade, o rei de Castela e o arcebispo de Santiago. Roi Xordo, un fidalgo da Coruña, dirixiu as tropas da Irmandade Fusquenlla e morreu na represión posterior á desfeita irmandiña.
Bibliografia:
Villares, R. Historia de Galicia, Ed. Galaxia, Vigo 2004
|