Recursos Historia e Xeografía de Galicia

 
 
 
  • Sobre

    Páxina de recursos de Historia e Xeografía de Galicia 2 Bacharelato
 
A emigración galega en Arxentina, 1931 Novembro 5th, 2006

Mostra a agricultura, a gandeiría e a feira de Ponteareas, a romería da Ascensión e a inauguración do local sindical. Película feita para a   » target=»_blank»>todos » Sociedad Progresista Hijos de Fornelos y Anexos (Bos Aires) cando a República acababa de chegar, pretende amosar en América as paisaxes e formas de vida galegas. Tenta tamén probar que os aforros enviados pola emigración financiaban infraestrucutras educativas e sociais. Estreouse no Sindicato Agrícola y Ganadero El Progreso, Fornelos da Riveira (Ponteareas, Pontevedra) o 14-6-1931. Restauración: Arquivo da Emigración Galega (Consello da Cultura Galega) e CGAI (1999).

video google
Do arquivo  da emigración do Consello da Cultura Galega

A economía castrexa Novembro 3rd, 2006
Das fontes literarias clásicas e dos estudos de arqueólogos e antropólogos podemos concluír algúns aspectos da economía dos poboadores dos castros. Strabón na súa Xeografía da Iberia , describe a alimentación dos habitantes dos castros, pero esta descrición é claramente ideolóxica, ao contrapoñer os alimentos propios do mundo salvaxe (landra, cervexa, manteiga) aos clásicos da civilización mediterránea (trigo, viño, aceite). Pero a descrición de Stabrón tamén suxire a existencia dunha agricultura rudimentaria, e dun aproveitamento do gando, todo isto completado coa caza e a recolección de froitos silvestres. A economía castrexa semella máis rica e complexa que a descrita polos cronista romanos. Así sabemos que ademais da agricultura e da gandería praticaron o marisqueo (restos nos concheiros de ostras, lláparas, ameixas percebes), a e a pesca nas zonas litorais .Tamén explotaban miñas para a extracción dos minerais, e mantiñan asemade frecuentes intercambios comerciais. Na época castrexa preseguiuse ca extracción de estaño, ferro, chumbo, e sobre todo os metais preciosos como ouro, o que fixo posible a existencia dunha importante metalurxia que desenvolveu métodos de explotación, logo adoptados polos romanos. Así os clásicos romanos alagan a ourivería castrexa e as súas técnicas para a elaboración de torques, brazaletes, arracadas e diademas. A agricultura era de base cerealística, cultivaban o millo miúdo e o trigo, plantas leguminosas como as fabas e os chícharos, dispoñendo de instrumental agrícola como fouces, aixadas e muíños de man. En canto a gandería compre distinguir entre o gando domesticado (cabras, ovellas, porcos, cabalos e vacas) e o salvaxe que cazaban (nos castros teñen topado restos de porcos bravos e cervos).Os intercambios comerciais non se limitaron ao interior de Galicia, senón que tamén orientáronse cara o exterior. Comerciábase cos metais, ca cerámica e con outros produtos máis perecedoiros. Strabón di que os castrexos non usaban moedas, senón que empregaban o troque para comerciar, ou noutros casos, empregaban pezas recortadas de prata, aínda que non hai restos destas proto-moedas nos distintos castros escavados. O comercio exterior máis importante facíase cara o sur da península , e probablemente, tamén cos diferentes pobos das fisterrás atlánticas europeas. 
Os celtas Novembro 1st, 2006
Para o coñecemento da cultura castrexa dispomos de distintos tipos de fontes: as escavacións arqueolóxicas, o análise das fontes epigráficas artísticas –cerámica e ourivería, e por último as fontes literarias procedentes dos autores clásicos. Avieno, Strabón e Plinio falan xenericamente dos pobos do noroeste ou “montañeses” pero as súas descricións son moi importantes para o coñecemento da sociedade castrexa e da súa organización política.Dende os inicios da historiografía galega a cuestión do celtismo foi un dos trazos fundamentais da reflexión sobre o pasado do noso país. A crenza de que os habitantes dos castros eran de etnia celta foi hexemónica no inicio da historiografía galega e tal tese arraigou no imaxinario popular. Este celtismo deriva das mesmas fontes literarias, pois segundo Avieno viñeron os saefes celtas que desprazaron a pacífica poboación oestrymnia. Tanto Strabón, como Mela e Plinio, sitúan os celtici como ocupantes do Noroeste de Iberia . No século XIX os historiadores románticos como M.Murguía e poetas de inspiración épica como Pondal fixeron dos celtas o principal mito fundador da nacionalidade galega. Murguía na súa Historia de Galicia, (1865) considera a raza celta como elemento central da definición da nación galega, deste xeito o celtismo, na súa dimensión racial aria convértese nun alicerce mítico da identidade nacional que configúrase no rexurdimento. Na actualidade non pode sosterse con criterios rigorosos a exclusiva orixe celta da poboación dos castros, incluso algúns queren reducir a influencia celta á algúns aspectos exclusivamente lingüísticos.A poboación dos castros semella ser froito de diferentes achegas raciais, nas que cabe incluír a dos celtas que chegaron a Galicia durante os primeiros séculos do último milenio a. C. Os celtas eran un pobo procedentes das beiras do mar Caspio e das montañas do Caúcaso, que progresivamente se foron trasladando cara o occidente europeo, para penetrar na península ibérica en dúas grandes vagas, entre o 950 e o 650 a. C. Desta derradeira vaga, celtas e outros pobos europeos arrastrados nesta andaina entraron en Galicia pola bacía do Sil, a entrada natural no noso país ata tempos ben modernos, dende as anchas terras da meseta. Ao constituíren unha minoría no territorio galego, os celtas tivéronse que adaptar ás formas de asentamento das poboacións indíxenas, os galegos do bronce final. Polo tanto, cremos que os celtas, as saefes, non acabaron cos oestryminios senón que se fundiron con eles nunha primeira expresión do sincretismo galaico. Os celtas trouxeron a tecnoloxía do ferro, descoñecida ata o momento pola poboación autóctona. A cultura castrexa semella polo tanto unha fusións dos trazos herdados do bronce final coas novas contribucións da cultura hallstática e post-hallstática, sen que se chegue a instalar aquí a técnica coñecida como de La Tène. Hoxe en día segue discutíndose se os asentamentos castrexos son resultado da chegada dos celtas (tese invasionista e celtista) ou foron un resultado evolutivo de elementos culturais autóctonos. Se ben a escaseza de restos arqueolóxicos non permite testemuñar unha relevante achega celta, os criterios lingüísticos e relixiosos serven para fundamentar un substrato celta para o mundo castrexo. 
Cultura castrexa Abril 24th, 2006

Na historiografía actual, fronte a tradición celtista do rexurdimento e da Xeración Nós, téndese a minimizar o papel da civilización céltica a prol do aporte do Bronce, ou ben téndese a confundir os seus trazos coa implantación romana, época na que tería adquirido o seu máximo esplendor. Polo tanto, na actualidade, ponse menor énfase na tese invasionista, que defendera M.Murguía, para quen os celtas vidos de Centroeuropa eran o aporte fundamental da cultura castrexa, e polo contrario, tendese a analizar o fenómeno castrexo como a cristalización dun longo proceso endóxeno, procedente do Bronce final, consistente na definitiva sedentarización da poboación.
A denominación de civilización castrexa deriva do específico tipo de asentamento desta, o castro. A cultura castrexa abrangue máis de mil anos de historia, pois abarca dende o século VI a. C, data extraída da Ora Marítima de Avieno, logo confirmada nas escavacións dos castros de (Penarrubia, Borneiro e Neixón), ata o VI d. C. O mundo castrexo en sentido estrito constitúe pois o período que vai dende o Bronce final ata a conquista romana, pois logo da conquista o contexto dos castros que perduran é ben diferente.

Biografía: Historia de Galicia, Villares, R. Galaxia,Vigo, 2004

A vida nos castros Abril 17th, 2006
 Tradicionalmente para o coñecemento da sociedade castrexa empregáronse as fontes literarias clásicas, sobre todo o relatado por Strabón, na actualidade trátase de explotar ao máximo as fontes arqueolóxicas, e en especial, as epigráficas de época romana. Os traballos clásicos (J. Caro Baroja) presenta a sociedade castrexa como unha sociedade xentilicia, na que a cohesión social viña asegurada polos lazos de sangue e non por unha estrutura política asimilable a formas análogas ao estado. Así a gens ou gentilitas sería o modelo predominante de integración suprafamiliar nas comunidades indíxenas da Hispania de influencia céltica, antes e mesmo despois da época romana. Mais os estudos de X. Pereira Menaut (1997) sosteñen que a organización xentilicia é válida para toda a Hispania céltica, pero non en Gallaecia. No territorio galego, os restos epigráficos relativos ao “C invertido” exclúen a existencia de gens, e só aparecen en Galicia, por outro lado no territorio galego os castella, o equivalente en Galicia dos gens, desapareceu aquí no século I d. C. Mentres que na Hispania a organización xentilicia perdurou até o século V. d. C. En conclusión daquela Galicia tiña unha organización social diferente ao resto da península Ibérica.A estrutura social da época castrexa organizaríase en primeiro lugar a partir da familia, seguida nunha segunda instancia pola centuria, e finalmente polo populus, abondosamente descritos nas fontes literarios. No territorio galego existían varios populi, que tiñan unha referencia territorial, que en moitos casos foi respectada polas futuras divisións eclesiásticas medievais (callaeci, nerios, caporos, grovios nas terras do Condado, supertamaricos, lamabos, artabros, albiones, etc..). Estos populi, foron aludidos como civitas nos textos epigráficos, constitúen comunidades indixenas ás que declaran pertencer non só individuos, senón outras formas intermedias de organización social , as centurias que aparecen nas fontes epigráficas como as C invertidas, pero que outros autores interpretan como castella, é dicir, pequenas comunidades, integradas nos populi, pero con certa autonomía , e que vivían nun castro, castellum ou ao redor deste. Polo tanto da interpretación da centuria, vertebrada ao redor dunha organización supra-familiar de carácter político e militar, dirixida polos lideres guerreiros posiblemente de orixe celta, pasaríamos a unha interpretación máis fundamentada no hábitat e co modo de ocupación do territorio. En todo caso a sociedade castrexa parece distinguirse xa polo seu carácter belicoso (disposición defensiva dos castros, escultura representando guerreiros) cunha desigual distribución da riqueza e con símbolos claros de xerarquización interna ( presenza de ricas xoias).A relixiosidade do mundo castrexo era moi intensa. No panteón castrexo rexístrase máis de un cento de deuses. Esta abundancia pode ser interpretada ben como unha proba de politeismo, ou como resultado de recibir unha divinidade diferentes advocacións, ou ben que haxa diferencias locais ou cronolóxicas no conxunto das deidades computadas. Mais esta relixiosidade non supuxo a existencia de templos nin de grupos de sacerdotes organizados do tipo dos druidas, tan frecuentes nas tradicións celtas e que Murguía situou tamén na poboación galaica. As prácticas relixiosas eran moi frecuentes e implicaban a realización de sacrificios de animais, e mesmo de persoas. As fontes literarias e epigráficas romanas contaminaron moito a interpretación da relixiosidade castrexa, así o deus das montañas, o que aparecen como o máis importante do panteón castrexo, asimilaba ao clásico Xupiter e era polo tanto un deus puramente romano. Outros deuses están perfectamente testemuñados. Mars Cosus, deus da guerra, o deus Bandua, estaba asociado á protección da comunidade. Tamén rexistrase a existencia de moitos deuses menores, especie de deuses benéficos ou maléficos, protectores dos pobos, dos animais, relacionados cas augas,os bosques, coas encrucilladas dos camiños. Estes lares viales, mantiveron grande importancia tamén na época romana e perviviron nas lendas e tradicións populares relativas aos cruceiros e os petos de animas. O cristianismo terá que enfrontarse con estas tradicións pagás dende Martiño de Braga até tempos ben recentes, e non sempre con éxito .
Bibliografia:
Villares, R. Historia de Galicia, ed. Galaxia, Vigo, 2004
75 anos da II Républica Abril 15th, 2006

Artigo de R. Villares na Voz de Galicia sobre a proclamación da II República

Credo, credo, credo Abril 14th, 2006

A execución do mariscal Pardo de Cela símbolo do sometemento da nobreza medieval galega

O proceso do Mariscal Pedro Pardo de Cela foi unha das medidas tomadas polos Reis Católicos para crear novas estruturas de poder e restaurar a fortaleza da nobreza eclesiástica. Pardo de Cela representaba a nobreza que outrora apoiara aos Trastamara e no treito final da Idade Medía pretendía afirmar o seu poder en Galicia. Pardo de Cela estaba casado con Isabel de Castro Osorio, curmá da raíña Isabel, sobriña do bispo de Mondoñedo e herdeira da casa de Lemos. Exemplo da nobreza que empregou a forza para establecer as bases do seu poder, converténdose en encomendeiro do bispado de Mondoñedo, aliñouse contra os irmandiños e logo defendeu a causa de Isabel fronte a Xoana a Beltranexa.
A historiografía romántica do primeiro nacionalismo fixo do mariscal un heroe, mártir da nación galega oprimida polo centralismo castelá. Outros historiadores destacaron a súa faciana de malfeitor, señor dos castelos, niños dos cabaleiros violentos, obxecto da ira irmandiña. O rei Enrique IV concederalle importantes privilexios como un xuro sobre a vila de Viveiro, cidade de realengo, na que o mariscal exercerá como alcalde. A raíña Isabel defendeu ao mariscal fronte a outros nobres galegos , quizais como pago do apoio de Pardo de Cela na guerra sucesoria. Mais cando o reino de Castela pretendeu fortalecer o seu poder en Galicia acabou atopándose coa resistencia do outrora aliado da causa isabelina.
Finalmente despois de cercalo na fortaleza da Frouxeira, pola tropas de Acuña. Traizoado e tomado preso, foi condenado a morte polo reis católicos e degolado o 17 de decembro de 1483. Conta a lenda que mentres a cabeza do Mariscal rodaba pola praza maior de Mondoñedo, despois do famoso credo, credo, credo, un cóengos de Mondoñedo, por mandato do seu bispo, entretiñan a súa muller (na ponte chamada dende aquela do pasatempo),mentras agardaba oíla campá da catedral tocando a morto, para que non o salvase o indulto rexio. Con independencia da mitificación deste personaxe, a morte de Pardo de Cela, e despois a de Pedro Madruga, facilitaron a política de control centralista e pacificadora do territorio galego dos reis católicos.
Bibliografia:
Villares, R. Historia de Galicia, ed. Galaxia, Vigo 2004.
Os irmandiños Abril 14th, 2006
A grande Guerra Irmandiña
A Grande Guerra Irmandiña tivo lugar nos anos 1467-1469. Os preparativos para a formación dunha Irmandade Xeral comezaron anos antes por parte de Alonso de Lanzós e co apoio de varios concellos (A Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo) que actuaron de motores iniciais do movemento. Neste caso, a revolta irmandiña foi unha auténtica guerra civil pola participación social que chegou a provocar. Anos de malas colleitas e pestes provocaron a revolta popular. Segundo os testemuños do preito Tavera-Fonseca, os irmandiños serían arredor de 80.000. Na organización e desenvolvemento da guerra irmandiña participaron varios grupos sociais: campesiños, xentes das cidades, baixa nobreza e fidalguía e algúns membros do clero, como cóengos composteláns que apoiaron economicamente o movemento irmandiño. Os xefes do movemento pertencían á baixa nobreza. Pedro de Osorio, actuou no centro de Galicia, sobre todo na zona de Compostela, Alonso Lanzós, dirixiu a revolta na zona norte de Galicia e Diego de Lemos, dirixiu as accións irmandiñas no sur de Lugo e norte de Ourense. O auxe do movemento irmandiño foi posible pola existencia do que o mellor estudoso do período Carlos Barros chama mentalidade xusticeira e antiseñorial da sociedade galega baixomedieval, que rexeitaba as inxustizas cometidas polos señores, considerados popularmente como un “malfeitores”. Os inimigos dos irmandiños foron fundamentalmente nobres laicos, donos de castelos e fortalezas, encomendeiros das principais igrexas e mosteiros. Os irmandiños destruíron arredor de 130 castelos e fortalezas nos dous anos de guerra irmandiña. As liñaxes dos Lemos, Andrade e Moscoso foron o branco preferido dos irmandiños. Os irmandiños, polo contrario, non atacaron aos eclesiásticos. Nun primeiro momento parte da nobreza obxecto da ira irmandiña fuxiu cara Portugal ou Castela. En 1469, Pedro Madruga inicia dende Portugal o contraataque feudal, contando ce Pedro Madruga empregaron modernos arcabuces, venceron aos irmandiños, prenderon e mataron aos seus líderes. A vitoria das tropas de Pedro Madruga produciuse por contar co apoio dos monarcas de Castela e Portugal e polas divisións das forzas irmandiñas. Mais cedo a nobreza vitoriosa viuse envolta de novo en liortas dinásticas que prepararon o seu definitivo desarraigo do territorio galego.
Bibliografía:
Villares, R. Historia de Galicia, Ed.Galaxia,Vigo 2004
A irmandade fusquenlla Abril 13th, 2006
A Irmandade Fusquenlla formouse no ano 1431 nas terras do señor de Andrade, pola extrema dureza coa que Nuño Freire de Andrade, o Mao, trataba aos seus vasalos. A revolta iniciouse nas comarcas de Pontedeume e Betanzos e chegou a espallarse polos bispados de Lugo e Mondoñedo e a destruír algunha fortaleza nobiliar, como o castelo dos Andrade na vila de Betanzos. As disensións internas fixeron que a revolta fracasase ante as tropas dos Andrade, o rei de Castela e o arcebispo de Santiago. Roi Xordo, un fidalgo da Coruña, dirixiu as tropas da Irmandade Fusquenlla e morreu na represión posterior á desfeita irmandiña.
Bibliografia:
Villares, R. Historia de Galicia, Ed. Galaxia, Vigo 2004
A peste Negra Febreiro 26th, 2005

O século XIV estivo marcado polas malas colleitas e os andazos da peste


Nalgunhas zonas de Europa
a peste bubónica de 1348 provocou
a morte dun tercio da poboación
A Peste Negra de 1348 dezmou a poboación europea. A crise chega a Europa occidental a través das naves xenovesas que comerciaban con Oriente . A Peste chega á Galicia a fins do verán de 1348, aínda que os seus efectos foron no territorio galego moito menores que nas rexións mediterráneas. As consecuencias da peste aparecen na documentación de vilas como Baiona, Tui e Ourense. Así 1349 uns foreiros de Baiona, dependentes do mosteiro de Oiasolicitan que se lles rebaixe a renda que deben pagar ante os estragos causados pola peste. Nos anos posteriores son frecuentes as mencións as casas arruinadas e aos campos abandonadosA crise demográfica no mundo rural provocou tamén que mudaran as condicións dos foros, ben fixando unha cota fixa a porción da renda debida, ou prolongando a duración dos foros para atraer traballadores rurais. Mais non sempre melloraron as condicións dos foros, noutros casos, a nobreza para non ver reducidas as súas rendas fixo máis duras as condicións: rendas proporcionais en especie e redución das voces dos foros. Polo tanto, consecuencia da crise o sistema foral flexibilizouse con respecto á etapa expansiva do século XIII.
A crise demográfica afectou a todas as actividades económicas. No mundo rural, iniciouse un maior coidado dos árbores frutais e medrou a superficie dedicada ao viñedo. Algunhas comarcas de Galicia tenden a especializarse no cultivo do viñedo que fomentaron os mosteiros e as igrexas. A comarca do Ribeiro é un claro exemplo de especialización vitícola, tendo nas vilas de Ribadavia e Ourense os seus centros de comercialización. Os excedentes de viño eran enviados a Santiago ou a Pontevedra para exportar fóra de Galicia. O incremento da exportación de viño ten que ver tamén ca Peste Negra, pois as rexións produtoras francesas de Gascuña e do Poitou que ficaron ermas despois da peste, o que obrigou a procurar viño noutras rexións como Galicia. Algo semellante o que pasará no século XIX coa peste da filoxera. Por outra parte, a apertura da ruta marítima entre o Mediterráneo e o Mar do Norte a través do estreito de Xibraltar favoreceu o desenvolvemento dos portos cantábricos e galegos, entres eles os de Viveiro, A Coruña, Betanzos, Pontevedra e Baiona. Nas vilas costeiras galegas instaláronse colonias de mercaderes que atendían á exportación de peixe (pescada, sardiñas, congro), gando, e sobre todo viño do Ribeiro. Tamén estes comerciantes importaban tecidos, coiros e produtos alimenticios elaborados como arenques salgados. O auxe das vilas costeiras fai que estas acrecente a súa faciana urbana, tamén no aspecto político, onde os homes boos que integran os concellos crean un tipo de goberno que nalgúns trazos asemellase ao patriciado urbano de estilo mediterráneo. A chegada a estas vilas e outras do interior, das ordenes mendicantes acentúa os perfiles urbanos das vilas galegas. Nesta época franciscanos e dominicos instálanse nas principais vilas galegas, Santiago, Ribadavia, Pontevedra, Ourense, Tui, A Coruña, Betanzos, Viviero, Ribadeo. A súa presenza nestas vilas testemuña o crecemento nestes núcleos dun novo tipo de sociedade vinculado ao intercambio comercial.A situación estratéxica de Galicia na ruta entre os dous máis importantes focos económicos da Europa baixomedieval –Flandes e Italia- permitiu o desenvolvemento desta estrutura comercial. Os portos galegos comerciaron cara o norte europeo cos portos franceses das rexións da Gascuña e Bretaña e cos máis afastados de Flandes e os portos hanseáticos e cara o sur, cos portos mediterráneos de Aragón e da península italiana. Este esplendor comercial favoreceu a aparición dunha caste de comerciantes como a familia Cru na vila de Pontevedra que foron quen de establecer relacións comerciais continuadas no tempo tanto co mediterráneo como cos portos gascóns e bretóns, pero a pulo comercial das vilas costeiras non foi o suficientemente forte para establecer institucións propias como os Consulados do Mar, ao estilo das cidades mediterráneas como Valencia ou Barcelona. Desafortunadamente esta situación das vilas galegas no comercio internacional foise esvaecendo no inicio da época moderna, cando a partir do século XVI o centro de gravidade da política peninsular desprazase cara o Atlántico andaluz, como consecuencia do descubrimento de América.
Olark Livehelp